UMAD. Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes. Concello de Santiago

Saltar menú


-

Unidade de día

A Unidade de Día (UD) da UMAD configura a modalidade de tratamento semirresidencial na atención a pacientes drogodependentes. Dentro das diferentes modalidades de tratamento sitúase como un recurso que amplía a oferta exclusivamente asistencial dos centros ambulatorios (Unidades Asistenciais de Drogodependencias -UAD-) e a residencial (Unidades de Desintoxicación Hospitalaria e Comunidades Terapéuticas -UDH e CT-), co que oferta unha atención psicosocial fundamentada en manter o paciente ou a paciente no seu entorno.

Poden acceder, derivados desde a área asistencial da UMAD, as e os pacientes de calquera programa terapéutico (agás os que se atopan no POA) e que presenten principalmente as seguintes características:
  • Desestruturación na organización do tempo e das relacións sociais.
  • Déficits formativo-laborais, relacionais e de autocontrol.
  • Motivación para o cambio no estilo de vida.
  • Persoas abstinentes unha vez superada a fase de desintoxicación ou cun compromiso serio da acadala (necesariamente durante o primeiro mes).

Tendo en conta as características de responsabilidade e liberdade, que son definitorias na UD, considéranse como obxectivos xerais do programa:
  • A reafirmación da abstinencia coma un valor positivo que hai que manter (ou acadar, segundo o caso).
  • O aumento da capacidade de autoanálise do e da paciente sobre a súa problemática persoal, así como a súa habilidade para resolver os conflitos no seu medio.
  • A aprendizaxe e posta en práctica de estratexias para manexar o desexo e afrontar Situacións de Alto Risco (SAR) relacionadas co consumo de drogas.
  • A reestruturación da dinámica familiar, mediante a promoción da implicación da familia no proceso terapéutico.
  • A adquisición de valores e de normas de convivencia.
  • A aprendizaxe de novos hábitos que faciliten un funcionamento máis autónomo no medio do e da paciente (saúde, relacións sociais,etc.).
  • A potenciación da socialización na comunidade e desde a comunidade de orixe.
  • E a capacitación de cada suxeito para que poida desenvolver unha actividade laboral responsable.

A consecución destes obxectivos procúrase a través do logro dos diferentes obxectivos específicos propostos para cada unha das áreas de intervención; preténdese, polo tanto, unha abordaxe global da persoa, que se caracteriza pola conxunción de diferentes terapias nun marco de intervención único e na procura do respecto á individualidade do usuario e usuaria.

As áreas de intervención son:
  • a física ou área da saúde
  • a formativo–laboral
  • a da conduta aditiva
  • a legal
  • a relacional
  • a psicolóxica
  • e a educativo–comunitaria

Estas áreas desenvólvense a través das actividades seguintes:
  • Intervencións de grupo: obxectivos persoais, terapia de grupo, prevención de recaídas, autoestima, hábitos saudables, habilidades sociais, relaxación, búsqueda de emprego, planificación da fin de semana, vídeo-foros e asembleas.
  • Intervencións individuais: titorías e sesións individuais.
  • Obradoiros: puntos de encontro, actividades abertas, estudos, recursos creativos, a revista Carpe Diem e a formación técnica.
  • Actividades fóra do Centro: actividades deportivas, actividades ao aire libre, saídas especiais e actividades culturais e de normalización.
  • Grupos de pais e nais: reunións de traballo e formativas de grupo cos familiares e/ou responsables dos e das pacientes e dos grupos multifamiliares.
  • Actividades complementarias: a través dos puntos de Información Xuvenil (da rede de información xuvenil da Xunta de Galicia).



© 2006 Concello de Santiago

Aviso legal | Accesibilidade