UMAD. Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes. Concello de Santiago

Saltar menú


-

Subprograma de Tratamento de Prevención de Recaídas (STPR)

A expresión prevención de recaídas (PR) utilízase para sinalar un conxunto de estratexias cognitivas e conductuais destinadas a previr as recaídas no campo das conductas adictivas.

Trátase basicamente dun programa de autocontrol que combina o adestramento en habilidades condutuais, intervencións cognitivas e cambio de estilo de vida.

As características deste subprograma permiten que os/as pacientes adscritos a el, poidan seguir outros programas de tratamento simultaneamente (PTLD, PTAO, PTDP, PTIA e PTDO), traballando fundamentalmente de forma grupal.

Poboación receptora

  • Pacientes de calquera programa cun grao de estabilización e motivación que lle permita realizar as actividades propias do subprograma.
  • Pacientes que reúnan as condicións básicas esixibles para o traballo grupal.

Obxectivos específicos

  1. Ensinar a identificar situacións de alto risco.
  2. Diferenciar caída de recaída.
  3. Mellorar o control das consecuencias da recaída: efecto de violación da abstinencia.
  4. Manexo de recaídas: estratexias de afrontamento.
  5. Desevolvemento de sistemas de apoio.

Metodoloxía

Como responsábel do STPR estará un psicólogo ou psicóloga con suficiente formación e coñecementos sobre metodoloxía cognitivo-condutual da prevención de recaídas.

O grupo está formado por 8-12 pacientes, que acoden semanalmente o mesmo día, á mesma hora. A duración media das sesións é de 90 minutos.

As sesións desenvólvense, en xeral, da seguinte forma: o/a terapeuta recolle os autorrexistros da sesión anterior e analízanse en grupo as tarefas realizadas. Despois do repaso faise unha introdución da nova sesión e, a partir dunhas sinxelas nocións teóricas, terapeutas e pacientes comezan a intercambiar puntos de vista, opinións, experiencias, etc. Se o tema o require, pásase á parte practica, onde se traballa en grupo (mediante a técnica de role-playing) estratexias concretas e diversas habilidades. As situacións representadas deben ser o máis parecidas posíbel á realidade, de cara a potenciar a xeralización dos resultados dos adestramentos.

A sesión acaba coa asignación de tarefas para a casa, co obxectivo de que se poña a proba o ensaiado e aprendido na sesión. Remátase cun breve resumo do exposto, anticipando o tema da seguinte semana.
Voltar


© 2006 Concello de Santiago

Aviso legal | Accesibilidade