UMAD. Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes. Concello de Santiago

Saltar menú


-

Programa de Tratamento con Derivados Opiáceos (PTDO)

O PTDO é un programa de deshabituación que, entre outras medidas terapéuticas, basea o seu desenvolvemento na administración de fármacos agonistas opiáceos (metadona, buprenorfina…), coa fin de facilitar o abandono ou a redución do consumo de opiáceos e previr a deterioración asociada a el. A súa finalidade é facilitar a participación do/da consumidor/a de opiáceos nun programa global que fomente a súa incorporación social.

Pódense considerar tres niveis diferentes no PTDO:
  1. 1. Os tratamentos de mantemento de alto limiar ou de máximos: preténdese a abstinencia, son moi selectivos e de duración limitada.
  2. 2. Os tratamentos de mantemento de baixo limiar ou de mínimos: a abstinencia non é un obxectivo prioritario. Preténdese que o/a paciente se manteña dentro do programa, procurando que abandone as prácticas de risco e manteña contacto cos servizos sanitarios e sociais.
  3. 3. Os tratamentos de mantemento adaptativo ou de obxectivos intermedios: o prioritario é a readaptación persoal e social do/a adicto/a, máis que a abstinencia.

Poboación receptora

Todo/a paciente dependente de opiáceos no que non se considere viable a consecución da abstinencia a curto/medio prazo, a través doutro programa asistencial.

Son candidatas/os prioritarias/os a este programa:
  • Mulleres embarazadas.
  • Pacientes con alto risco de infección polo virus da SIDA.
  • Pacientes con deterioro somático importante e/ou patoloxía psiquiátrica asociada.
  • Pacientes con boa resposta en tratamentos previos en PTDO.

Obxectivos xerais

Sen embargo, as metas xerais dun tratamento de substitución son:
  1. 1. Eliminar ou reducir os síntomas obxectivos e subxectivos de abstinencia.
  2. 2. Diminuír o consumo ilegal de opiáceos e o uso non axeitado e dependencia doutras drogas.
  3. 3. Diminuír os hábitos de risco para a saúde individual e pública (uso da vía parenteral, redución das prácticas de risco sexuais) e mellora da saúde física e mental (control da patoloxía psiquiátrica e orgánica asociada etc.).
  4. 4. Diminuír a conducta antisocial, incrementar os apoios e mellorar o funcionamento psicosocial (incluídas as habilidades para conseguir e manter un emprego).
  5. 5. Favorecer a captación e retención da/o paciente nun programa de tratamento de forma que sexa susceptible doutro tipo de intervencións.

Obxectivos específicos

Os obxectivos específicos do tratamento de substitución con opiáceos deben elaborarse tendo en conta as necesidades obxectivas e subxectivas da/o paciente e polo tanto, axustaranse ás súas necesidades concretas.

Metodoloxía

Na rede asistencial da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, o derivado opiáceo utilizado no PTDO é a metadona en presentación de comprimidos dispersables ou solución oral.

O tratamento de substitución debe proporcionar a dose axeitada para producir os efectos desexados (previr síntomas de abstinencia, diminuír o desexo de opiáceos e bloquear os efectos da heroína, ou outro opiáceo, sen producir euforia nin efectos secundarios indesexables) durante o tempo pertinente, atendendo os limites de eficacia e seguridade.

A determinación da dose de metadona eficaz basearase nun proceso de avaliación individualizado tendo en conta o historial toxicolóxico da/o paciente e da súa situación somática e mental.

O PTDO non se reduce só a prescripción e administración do fármaco. Son necesarias outras medidas terapéuticas para conseguir os obxectivos previstos.

Ademais da administración da metadona, e doutras intervencións sanitarias (terapia farmacolóxica, control da vacinación, control do VIH, consello de saúde etc.), disporanse para o/a paciente outras medidas terapéuticas que se consideren convintes:

Intervencións psicolóxicas:
  • Intervencións breves.
  • Psicoterapia familiar.
  • Psicoterapia individual.
  • Intervencións de redución de danos.
  • Prevención de recaídas.
  • Obradoiros de sexo máis seguro.
  • Psicoterapia de grupo.
  • Obradoiros de consumo de menos risco.
  • Entrevista motivacional.
  • Outras.
Intervencións sociais:
  • Diagnóstico social.
  • Orientación familiar.
  • Coordinación con recursos e programas de socialización.
  • Apoio ou resolución da problemática xudicial.
  • Realización dun itinerario individualizado formativo-laboral.

Voltar


© 2006 Concello de Santiago

Aviso legal | Accesibilidade