UMAD. Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes. Concello de Santiago

Saltar menú


-

Programa de Incorporación Persoalizado

O Programa de Incorporación Persoalizado (PIP) é unha proposta metodolóxica concreta para a consecución dunha mellor estruturación e coherencia nos procesos persoalizados de incorporación social monitorizados por un titor ou titora. Esta proposta esta dirixida á Rede da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, pero aberta a calquera dispositivo de incorporación, especialmente os que realizan intervencións con persoas cunha problemática derivada do consumo de drogas.

Como bases principais para sustentar o PIP considéranse:
  • A figura do titor ou titora de incorporación social.
  • O diagnóstico social.
  • O proxecto de inserción cun itinerario social, formativo, laboral e/ou xudicial.
  • E a participación activa do beneficiario do programa.

Un proceso Persoalizado de Incorporación Social é un procedemento técnico, activado pola figura do titor ou titora e tendente a responsabilizar e apoiar unha persoa no desenvolvemento das súas capacidades, potencialidades, estratexias e uso de recursos. Neste último caso a preferencia é que sexan recursos normalizados, que lle permitan ao individuo paliar as posibles deficiencias que presente nos ámbitos sociais, formativo, laboral e/ou xudicial.

Finalidades

  • Promover o coñecemento directo e a catalogación de recursos de incorporación social, así como mellorar a coordinación entre os seus profesionais.
  • Unha áxil aplicación práctica, baseada nos recursos e medios actuais. Trátase dunha incorporación cun carácter máis xeral na que as técnicas de inserción facilitan o proceso de incorporación.
  • Diágnostico social; é dicir, un proceso dinámico de estudo e de recollida dos factores significativos (segundo un determinado modelo teórico) para a incorporación social dunha persoa. Téñense en conta espcialmente os factores e as potencialidades nas que poida incidir ou apoiárense as técnicas de inserción, e nas que amose máis interese e motivación a persoa.

Obxectivos xerais

As principais metas que persegue o PIP son:
  • O desenvolvemento dos principios de actuación, das medidas e dos artigos da Lei 2/96 de Galicia sobre drogas e os sucesivos planos galegos sobre drogas, anteriormente mencionados.
  • A optimización de recusos, planos, programas, proxectos e de actuacións no ámbito social e laboral: Rede de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local, Plan de Inclusión Social, Plan de Acción Xoven, iniciativa Equal, Proxecto Stella, Observatorio de Emprego Social, Unidades de Promoción e Desenvolvemento, Políticas Activas de Emprego, Plan FIP, Proxecto ELAS, Programa Clara, Programa Mentor, escolas obradoiro e obradoiros de emprego, programas de Garantía Social, contratos de inserción, Rendas Activas de Inserción, Risga, servizos de asesoramento, etc.

Criterios de acceso

Os candidatos e as candidatas a un PIP non presentan un perfil único e definido. Como criterios de acceso comúns e básicos chega:
  • Obxectivar algún défice na súa incorporación social, xa sexa de índole laboral, de participación social, formativo ou derivado da súa problemática xudicial.
  • Motivación e compromiso para a mellora da súa situación social.

Poboación receptora

Os principais destinatarios e destinatarias son os usuarios das Unidades Asistenciais de Drogodependencias (UAD) e as persoas con problemas derivados do consumo de drogas. As tipoloxías fundamentais dos usuarios e usuarias en función das súas necesidades e situacións, descritas na Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, son as seguintes:
  • Aqueles e aquelas que non necesiten intervencións especiais porque posúen unha estrutura sociofamiliar de apoio suficiente.
  • Aqueles e aquelas que carecen de apoios familiares e sociais axeitados polo que necesitarán medidas especiais para facultar a incorporación no seu medio social.

Actividades

  • Prestación.
  • Participación social, accións formativas.
  • Escolas Obradoiro.
  • Casas de Oficios.
  • Centros especiais de emprego.
  • Busca activa de emprego.



© 2006 Concello de Santiago

Aviso legal | Accesibilidade