UMAD. Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes. Concello de Santiago

Saltar menú


-

Programa Creative

O Proxecto Creative xurde da necesidade de darlle resposta á crecente situación de consumo de alcol e doutras substancias asociadas ao ocio nocturno. A intervención asúmese desde a perspectiva da redución de riscos.

Naceu coa idea de achegarnos ao adolescente cun programa de prevención dentro dos seus espazos de ocio nocturno. Aceptando e respectando que cada persoa ten a capacidade e o dereito de decidir por si mesma en cada ámbito de súa vida (e o consumo de drogas non é una excepción a isto), consideramos que a forma máis axeitada de abordar o consumo é a de ofrecer información veraz e obxectiva e asesoramento desinteresado, sendo clave na realización destas intervencións, o abandono de posturas paternalistas ou moralistas que dicten xeitos "correctos" de actuación.

Sempre antepoñendo que o mellor e non consumir.

Poboación receptora

A poboación destinataria é a mocidade entre os 14 e os 24 anos, participantes no movida de ocio nocturna coñecida como botellón.

Obxectivos

  • Proveer o consumidor e a consumidora de información veraz, obxectiva e adaptada ás necesidades reais da mocidade, que poida facilitar o non consumo e, no caso contrario, un uso máis seguro da substancia mediante a comunicación directa e cun amplo abano de soportes informativos.
  • Promover unha actitude responsable co contorno: recollida do lixo, respecto ao mobiliario urbano, etc.
  • Concienciar de que calquera produto psicotrópico non é inofensivo.

Actividades

Saídas dentro dos espazos de ocio nocturno, para facilitar información veraz, obxectiva e o asesoramento desinteresado orientado a incrementar a percepción de risco ante o consumo de drogas tanto nos consumidores e consumidoras como nos non-consumidores e non-consumidoras. Para iso dispoñemos dun stand desde o que repartimos flyers con información veraz, orientados sobre todo á redución de riscos, sobre as distintas drogas: que son?, que efectos teñen?, etc.

Asumimos que o consumo de drogas supón, sempre, un risco para a saúde que a persoa debe coñecer á hora de enfrontarse a decisión de consumir ou non consumir. Pero consideramos inaxeitado e, sobre todo, improdutivo tratar de instaurar na mocidade pautas de conduta que non sexan as que el ou ela mesma elaborou a partir das súas concepcións previas e da súa historia persoal.

Datas de realización

Este programa desenvólvese ao longo do ano en datas de maior realización deste tipo de "movida".

Inscricións

A solicitude e demanda de información pode facerse vía teléfono, fax, correo certificado ou correo electrónico.
Voltar


© 2006 Concello de Santiago

Aviso legal | Accesibilidade